Novas

Calendario anual 2026

Entramos na recta final do ano e o Concello de Beade ponse mans á obra para realizar o calendario para o 2026.

Se tes fotos antigas do noso municipio e queres compartilas para ilustrar o almanaque, envíaas por correo electrónico a info@beade.es

Proxecto de enerxía fotovoltaica

Por medio da presente entrada procédese a dar publicidade á axuda económica solicitada polo Concello de Beade ao abeiro da Resolución do 7 de marzo de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a realización de proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027 (DOG núm. 56 do 19/03/2024).

O Concello de Beade presentou un proxecto de instalación solar fotovoltaica de autoconsumo colectivo na cuberta do pavillón polideportivo municipal, cuxo investimento ascende aos 61.510,58 € (sen IVE) e para o que se concedeu unha axuda económica FEDER do 60% (44.572,77 €).

Axudas para libros e material escolar para o curso 2025/2026

Continuando coa labor de axuda aos veciños de Beade nestes tempos de crise e dificultade económica, o Concello de Beade ven de aprobar a concesión de axudas económicas para a compra de libros e material escolar por importe de 30 € para todos os veciños que este novo curso académico 2025-2026 estean matriculados no segundo ciclo de Educación Infantil ou nalgún curso de Educación Primaria ou Secundaria.

Para elo, ábrese un prazo dende o luns 8 de setembro ata o martes 30 de setembro de 2025 para que as persoas interesadas e que cumpran cos requisitos establecidos poidan solicitar a citada axuda.

O impreso de solicitude, dispoñible nas oficinas municipais e páxina web do Concello, deberá ser entregado no prazo sinalado no Concello coa documentación que se establece no mesmo.

Xunto coa solicitude, deberá presentarse a respectiva factura de compra do material escolar, a nome do beneficiario e que especifique o material adquirido, a efectos de proceder ao pago. A fin de apoiar ao comercio local, as facturas admisibles deberán ser dalgunha das tres librarías de Ribadavia adscritas a esta axuda: Goyma, Mato e Follas Novas.

Bando 25-26

Modelo solicitude 25-26

Oficina de axuda polos incendios forestais

Desde a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ourense informan, no marco das medidas impulsadas pola Xunta de Galicia para paliar os danos derivados dos recentes incendios forestais, que procederase á instalación dunha oficina de atención e xestión destas axudas na contorna do Ribeiro, destinada a facilitar a tramitación e xestión das axudas aprobadas polo Consello da Xunta.

Este servizo será para información, aesoramento e tramitación das diversas axudas aprobadas derivadas dos incendios forestais, garantindo unha atención próxima e áxil ás persoas afectadas.

A oficina situarase na Oficina Agraria, na Avenida Redondela, 3, 1º, de Ribadavia, e entrará en funcionamento o luns, día 1 de setembro de 2025.

III edición do acto “O viño, un compañeiro de vida”

O sábado 26 de xullo, a partir das 19:00 horas, tivo lugar no entorno da Igrexa do San Roque de Beade (Ourense) a III edición do acto “O viño, un compañeiro de vida”, no que se poideron degustar viños da D.O. Ribeiro das diversas bodegas de Beade, así como vinagres tamén autóctonos. Ademais, ofrecéronse variados produtos gastronómicos e amenizaron o acto o humorista Pepo Suevos e as actuacións de “Amorodous” e “Tarabelos Poetas”.

Esta actividade contou cunha subvención do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) no marco das subvencións para a financiación de accións de promoción de produtos propios de Ourense realizadas por Concellos da Provincia de Ourense durante o ano 2025.

Subvención para minimizar as perdas de auga en Concellos de Galicia

Ao abeiro da Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea- Next generation EU, e se procede para a súa convocatoria para o ano 2025 con carácter plurianual, o Concello de Beade foi subvencionado con 35.821,11 € para a actuación: “Actuacións para minimizar as perdas de auga na rede de abastecemento no núcleo de Beade”.